A moratoria-trampa ás novas plantacións de eucalipto en Galicia

En outobro de 2025 a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia anunciou que se ampliaría a 2030 a “moratoria” ás novas plantacións de eucalipto en territorio galego.
Unha noticia reclamada polo movemento ambientalista galego, así como por boa parte do sector forestal e tamén en ámbitos académicos, polos seguintes motivos:
- A excesiva extensión do eucalipto no territorio (o dobre do proxectado para 2032, segundo o Plan Forestal de 1992).
- O seu impacto paisaxístico e ambiental (profusamente documentado).
- O seu comportamento invasor (ditame CC 30/2017 do Comité Científico do ministerio de medio ambiente español).
Porén, a “moratoria” nace con cinco grandes lastres:
- Unha deficiente xestación da norma, xa que a administración autonómica non tivo a ben reunirse coas distintas asociacións ecoloxistas para que participaran na mesma.
- Uns obxectivos irreais, que serían: conseguir unha maior produtividade (nun contexto con mermas de produción global por doenzas e cada vez máis incendios), garantir a biodiversidade do monte galego (cando só a restauración dos ecosistemas nativos, eliminando eucaliptos, pode garantir esa biodiversidade) e loitar contra o abandono de terras (só posible con políticas estruturais no rural, e non coxunturais como a presente norma).
- Unha bagaxe de fracaso na actual “moratoria” ás novas plantacións iniciada en xullo de 2021, con centos de novas hectáreas de ilegais eucalipto “obviadas” pola administración galega.
- A nova norma inclúe cláusulas para plantar eucaliptos en parcelas que nunca o tiveron, mediante intercambios de “dereitos de plantación” en novas parcelas (con casuísticas dificilmente fiscalizables), en detrimento de predios con produtividade baixa, que se deberán reforestar con “piñeiros e frondosas”. Pode acontecer que unha hectárea de turbeira (hábitat de interese comunitaria) mal plantada con eucaliptos, teña que ser reforestada con outras árbores alleas á turbeira -causando a súa degradación-, e, acto seguido, unha hectárea de matogueira atlántica ata agora libre de eucalipto se eucaliptice “legalmente”.
- Segundo esta norma “fomentarase a eliminación dos eucaliptos da Rede Natura que sexan posteriores á regulación que os prohibe nestes espazos”; se consideramos como punto de referencia o ano 2014, co Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Decreto 37/2014, do 27 de marzo), a inmensa maioría do eucalipto plantado en Rede Natura é anterior a ese ano, e polo tanto non se eliminaría.
Por estes motivos, esta norma é unha “moratoria-trampa”; tremendamente decepcionante, xa que non só non vai controlar a expansión do eucalipto, senón que favorecerá a degradación de áreas que ata agora se salvaron da eucaliptización.
Só unha moratoria permanente, xustificada polo carácter invasor do eucalipto, podería considerarse obxectivamente beneficiosa para a biodiversidade e a paisaxe galega a medio e longo prazo.
