A xestión das Fragas do Eume
Hoxe fanse dous anos da publicación no Documento Oficial de Galicia do decreto 21/2023, polo que se aprobaba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume, así como o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural das Fragas do Eume.

Foi, sen dúbida, un feito moi relevante para este extraordinario exemplo de bosque caducifolio atlántico, que atesoura, nos seus 91 quilómetros cadrados, unha vintena de hábitats naturais considerados de interese pola Unión Europea. Ademais, o catálogo de fauna supera as 630 especies, ao que hai que sumar máis dun cento de tipos de fungos e case 400 especies de plantas. Moitos destes seres vivos atópanse nos catálogos galego e español de especies ameazadas, achándose auténticas xoias biolóxicas como a saramaganta (Chioglossa lusitanica) -endémica do noroeste ibérico-, o fento do botón (Woodwardia radicans) -presente desde hai millóns de anos nestas terras- e o escarabello ribeirego endémico da especie Carabus galicianus.
A conservación dos hábitats naturais e das especies que viven neles é unha das obrigas dos xestores do Parque Natural das Fragas do Eume, que deben lidiar tamén co crecente turismo e coas demandas das persoas propietarias. Porque, nas últimas décadas, a paisaxe do val do río Eume foise modificando de xeito radical: o mosaico de bosque autóctono, matogueiras diversas, agras de cultivo e pradeiras de pastoreo está hoxe reducido a determinadas áreas inconexas e minguantes dentro dun gran monocultivo de especies de crecemento rápido, principalmente eucalipto.
E o Parque Natural non se libra da “febre eucalipteira”: segundo un recente estudo do Centro Superior de Investigacións Científicas, os monocultivos desta especie dentro da zona teoricamente protexida aumentaron un 48% en 25 anos (!). Mesmo os incendios de marzo e abril de 2012 supuxeron que os eucaliptos gañaran terreo no Parque Natural nos seguintes anos. O eucalipto, considerado invasor polo Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español en 2017, abastece a unha única empresa pasteira, que condiciona onde e canto se planta.
Como serán as Fragas do Eume dentro de 25 anos? Quedarán hábitats naturais ben conservados? E quedarán saramagantas, fentos do botón e escarabellos endémicos? Ogallá os plans de ordenación dos recursos naturais e o reitor de uso e xestión do Parque sirvan para atallar os problemas deste espazo natural.
