O outono nas fragas do Mandeo

O bosque caducifolio atlántico é o tipo de arborado que, tras a derradeira glaciación, debería cubrir a inmensa maioría do territorio galego. Con todo, desde hai arredor de 6000 anos, as actividades humanas, apoiadas en lumes recorrentes e cortas extensivas, foron abrindo grandes ocos nestes bosques antigos, facilitando o pastoreo e a agricultura.
O bosque aclarado e “domesticado” permitiu ademais a construción de asentamentos e ferramentas, ademais de vías de comunicación. Co devir dos séculos, e cunha poboación humana en sostido crecemento, estas accións sobre o territorio foron configurando unha paisaxe cada vez menos arborada, co bosque caducifolio relegado a pequenos parches, moitos deles preto de aldeas (touzas).
As plantacións de piñeiros de orixe alóctona e, sobre todo, a eucaliptización masiva (desde mediados do XX ata a actualidade), mudaron a paisaxe de boa parte da metade occidental galega. Tornárona de novo máis forestal, pero sen apenas atractivo ambiental, empobrecido en fauna e flora e sen constituír un verdadeiro bosque.
O labor de Fragas do Mandeo
Os bosques caducifolios atlánticos hai que buscalos nas montañas do interior e en vales de ríos como o Eo, o Eume e o Mandeo, entre outros. No caso deste último río, a Fundación Fragas do Mandeo -de cuxo padroado forma parte o G. N. Hábitat-, ven facendo desde hai quince anos un extraordinario labor para estudar, custodiar e divulgar os remanentes de bosque caducifolio atlántico que aínda perduran na cunca deste río coruñés.
Fragas do Mandeo logrou protexer coa fórmula de custodia do territorio case 33 hectáreas de terreo, parte delas en propiedade. A eliminación nas súas parcelas de especies alóctonas con comportamento invasor, como eucaliptos, acacias negras, mimosas, robinias, tritonias e orellas de gato foron fundamentais na restauración do bosque atlántico caducifolio, e os resultados poden comprobarse nos arredores dos ríos Mandeo e Mendo en puntos como A Espenuca, O Ollo da Roda ou Chelo. Un dos momentos perfectos para facer esta visita é precisamente agora, en outono, cando a explosión de fermosas cores amarelas, alaranxadas e vermellas das follas das árbores nativas caducifolias comeza a ser patente.
Lembramos que cando os días se acurtan, a produción de clorofila diminúe, e ao descompoñerse, o verdor das follas esvaécese ata desaparecer. É entón cando aparecen as cores amarelas (propias das luteínas), laranxas (debidas ao beta-caroteno) e vermellas (polas antocianinas). Especies autóctonas das comarcas das Mariñas como carballos albares, amieiros, salgueiros cincentos, freixos, pradairos, lamigueiros, cerdeiras, bidueiros e abelairas, ademais de castiñeiros e viburnos (entre outros), deleitarannos coas súas cores outonais, e evocarannos un pasado no cal dominaban gran parte de Galicia, desde o mar ata os altos de montes.
