Custodia do territorio

Que é iso da custodia do territorio?

Desde principios do s. XXI hai un novo concepto dentro das políticas de conservación do medio natural, que cada vez estase a escoitar máis no noso día a día: a custodia do territorio. Pero… que é iso exactamente?

Definición e principios da custodia do territorio

Baixo o nome de custodia do territorio englóbase o conxunto variado de estratexias de xestión nas que propietarios e usuarios dun espazo -público ou privado- colaboran activamente para conservar os seus valores naturais, culturais e paisaxísticos.

As entidades que se dedican á custodia do territorio poden ser públicas ou privadas, sempre sen ánimo de lucro, e procuran, a través de acordos cos titulares dos espazos, que se xestionen correctamente e se faga un bo uso deles, para conservar ditos valores.

Tipos de acordos de custodia

Os acordos de custodia poden adoptar diversas formas:

  • Compromiso de xestión sostible: o propietario xestiona o seu terreo con apoio e asesoramento da entidade de custodia.
  • Cesión ou venda da propiedade: para a súa dedicación exclusiva á conservación.
  • Restrición de usos pactados: por exemplo, en reservas mariñas, onde os pescadores protexen certas zonas.
  • Destinados á preservación de edificacións: con valor histórico ou cultural.

Principios fundamentais

Os principios básicos que rexen a custodia do territorio son tres:

  1. Coñecemento científico dos valores patrimoniais (naturais e culturais) que imos custodiar.
  2. Xestión integrada para a conservación do patrimonio natural e cultural cun enfoque transversal.
  3. Participación cidadá directa tanto en políticas públicas como en accións de conservación da biodiversidade.

Historia da custodia do territorio

Este instrumento de conservación da natureza, aínda que poda parecer novidoso, ten bastantes anos. Poderíase dicir que as primeiras iniciativas de custodia do territorio datan do ano 1890 nos Estados Unidos, coa creación de The Trustees of Reservations. Cinco anos despois, créase a primeira entidade en Europa: The National Trust, do Reino Unido; e no 1905 xorde Natuurmonumenten, nos Países Baixos. A custodia do territorio consolídase en Europa a partir da década de 1970. En España non arraigou ata a década de 1990, e foi calando nas políticas públicas ata que no 2007 adóptase a custodia do territorio como un recurso legal que permite a protección efectiva do patrimonio, sexa natural ou cultural, na Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

A custodia do territorio en Galicia

En Galicia non abundan as experiencias de custodia do territorio no campo ambiental, aínda que foron aumentando paulatinamente a partir do cambio de século. A primeira iniciativa de custodia nace en 1988 coa fundación de Ridimoas, que foi adquirindo leiras na comarca do Ribeiro para protexer o bosque de ribeira e a fauna asociada con gran efectividade. Nos últimos 15 anos, a sociedade galega incrementou significativamente o seu interese pola custodia do territorio, e varias entidades ambientais deron xa os primeiros pasos, responsabilizándose directamente da conservación de certos espazos. A aprobación no ano 2011 da Lei de mobilidade de terras foi o primeiro achegamento da lexislación galega á custodia do territorio, significando un fito histórico.

O Grupo Naturalista Hábitat é membro da Fundación Fragas do Mandeo, a través da cal realiza accións de custodia do territorio na comarca das Mariñas, principalmente adquirir fincas de interese ambiental nas bacías dos rios Mendo e Mandeo e desenvolver actuacións de divulgación e conservación (retirada de especies exóticas invasoras, retirada de lixo, acondicionamento de refuxios para fauna, etc.).

Beneficios da custodia do territorio

O desenvolvemento de accións de custodia do territorio aporta múltiples beneficios a distintos colectivos, entre outros:

Para propietarios

  • Asistencia, asesoramento e planificación para conseguir melloras na biodiversidade.
  • Mellor uso do solo (desde o punto de vista ambiental) dos seus terreos.
  • Recoñecemento social das persoas propietarias polo seu compromiso coa conservación da natureza.
  • Opción de conseguir axudas para a restauración de hábitats naturais degradados.
  • Valor engadido a medio e longo prazo coa posibilidade de declarar a súa propiedade como Espazo Privado de Interese Natural.

Para usuarios

  • Aumento do valor que as persoas dan ao espazo.
  • Satisfacción por participar activamente na conservación da natureza.
  • Aprendizaxe mutua entre as persoas propietarias, xestoras, usuarias e o conxunto da sociedade.

Para a administración local

  • Recoñecemento social polas melloras ambientais.
  • Novas oportunidades de emprego verde. 
  • Freo ao despoboamento rural e mellora das formas de vida das aldeas circundantes.
  • Posta en valor do patrimonio cultural, etnográfico e arquitectónico vinculado a estes espazos (canles e muíños, pilóns, lavadoiros, pontes, etc.).
  • Valor engadido que desborda o ámbito da administración local.

Para a biodiversidade e xeodiversidade

  • Aumento da biodiversidade
  • Combate activo do cambio climático.
  • Redución da perda de solo.
  • Conservación de microhábitats (corredores fluviais, zonas húmidas, bosques singulares). 
  • Preservación de fauna e flora de ameazada e/ou protexida. 
  • Posta en valor de sistemas agrícolas tradicionais.
  • Fomento da tenza de razas gandeiras autóctonas.

A custodia do territorio é unha ferramenta fundamental para a conservación da natureza e do patrimonio cultural. A súa aplicación en Galicia está en crecemento, e a implicación de propietarios, administracións e cidadanía é clave para garantir un futuro sostible para os nosos espazos naturais.

Ponte en contacto agora e participa connosco na conservación das Fragas Perdidas

Publicaciones Similares

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *