Sobre o futuro das plantacións de eucalipto en Galicia
Galicia é verde, pero non todo o verde é igual. O eucalipto chegou como unha prometedora fonte de emprego e riqueza forestal, mais a súa expansión descontrolada amosa uns custos ambientais que xa non podemos ignorar. Segundo o Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG 2023), o eucalipto ocupa unhas 409.026 ha (aproximadamente o 32% da superficie forestal autonómica e o 14% do total de territorio galego), se ben diversas fontes estiman que a extensión real de eucalipto ronda as 600.000 ha.
As consecuencias da eucaliptización masiva
As plantacións de eucalipto, que invaden antigas terras de matogueira, turbeiras, terreos do dominio público e mesmo espazos protexidos en Rede Natura 2000, están a provocar devastadores efectos ambientais negativos, tales como:
- Diminución acelerada das reservas hídricas: un eucalipto pode consumir entre 20 e 80 litros de auga ao día, dependendo do seu tamaño. Tendo en conta a cantidade de árbores desta especie que temos no noso territorio, son os responsables dun consumo diario de auga de, como mínimo, 11 mil millóns de litros. Este alto consumo contribúe á drenaxe acelerada das reservas hídricas, especialmente en veráns secos, e xa se teñen dado casos de fontes que secan por mor da presenza de eucaliptos. Nun contexto de cambio climático con tendencia á seca, isto pode ter consecuencias ambientais e sociais moi graves.
- Perda de biodiversidade: un recente estudo conxunto do CSIC e a USC amosa que as zonas cubertas por eucaliptos albergan menos especies e exemplares de aves que os bosques autóctonos. Os eucaliptais ofrecen menor oferta de alimento e refuxio, provocando un claro declive da avifauna forestal autóctona.
- Empobrecemento do solo: o cultivo intensivo de eucaliptos consume nutrientes esenciais (fósforo, calcio, magnesio e potasio) sen que poidan reabastecerse de forma natural, o que provoca unha acidificación paulatina e unha importante diminución da materia orgánica do solo. Ademais, os residuos de follas e cortiza que quedan no chan, son ricos en compostos alelopáticos, son de difícil descomposición e inhiben o establecemento de plantas autóctonas, agravando o empobrecemento e a degradación estruturais dos horizontes superficiais do solo.
- Aumento do risco de grandes incendios: os eucaliptos son árbores inflamables debido ao seu elevado contido de aceites esenciais e compostos volátiles. Ademais, durante un incendio, as súas faíscas poden viaxar ata dous quilómetros. Estas dúas características fan que os eucaliptos faciliten a propagación dos lumes e dificulten a extinción nun grande incendio.
Ademais, tamén alteran de xeito irreversíbel a paisaxe galega e ameazan vestixios do noso patrimonio cultural, desde castros e mámoas ata treitos do Camiño de Santiago.
Que futuro nos agarda? A opinión do G.N. Hábitat
É ben evidente que o modelo intensivo de cultivo de eucalipto, lonxe de ser neutro, xera impactos múltiples, cuestión que debería terse en conta á hora de deseñar futuras políticas forestais.
Por este motivo, a mediados de maio de 2025, o Grupo Naturalista Hábitat publicou un manifesto no que advirte que a moratoria ás novas plantacións, vixente desde xullo de 2021, non só resultou ineficaz senón que tampouco foi capaz de frear o avance ilegal de centos de hectáreas de eucaliptos. Neste documento, reclámanse accións contundentes: recoñecer o carácter invasor destas especies, deseñar estratexias a curto, medio e longo prazo para limitar o seu cultivo e poñer en valor alternativas rendibles e ambientalemente neutras baseadas en especies autóctonas que garantan un modelo forestal máis equilibrado e sostible.
Se che preocupa o futuro dos nosos bosques e queres coñecer as liñas de acción propostas por Hábitat, podes ler o “Posicionamento do Grupo Naturalista Hábitat sobre o futuro das plantacións de eucalipto en Galicia” aquí:

