Woodwardia radicans
Como é?
Woodwardia radicans é un dos fentos máis grandes que se poden atopar en Galicia. As súas frondes poden chegar aos 2 metros de longo, cunha aparencia que lembra a unha gran pluma arqueada. De cor verde brillante e intenso, ten as frondes moi divididas, lixeiramente curvadas cara a abaixo, que lle dan un aspecto elegante e tropical.
Caracterízase por un feito único: nas puntas das súas frondes forma uns pequenos bulbos en forma de botón que, cando tocan o chan, poden enraizar e dar lugar a unha nova planta. Por iso recibe o nome de “radicans”, que significa “que bota raíces”. Os soros aparecen en dúas filas, e lembran ás puntadas dunha costura.
Forma masas máis ou menos densas, pero pouco extensas, aínda que tamén se poden atopar individuos illados.
Onde vive?
Medra en lugares moi húmidos e sombríos, normalmente preto da auga e en lugares con forte pendente, como as beiras de regatos, fervenzas, barrancos ou ladeiras orientadas ao norte. Adoita estar acompañado doutras especies de fentos de menor tamaño.
É moi sensible ao frío e ás xeadas, polo que se refuxia nas zonas máis abrigadas do bosque atlántico galego, especialmente nas ribeiras e nas partes máis baixas dos vales.
É unha especie propia da rexión macaronésica, tamén presente no litoral cántabro-atlántico ibérico. De xeito illado, tamén se atopa en enclaves no Mediterráneo (Córcega, Calabria, Arxelia, Creta). En Galicia dáse no territorio máis costeiro, chegando aos 550 metros sobre o nivel do mar e penetrando no interior polos vales do Eo, Landro e Eume. Abondoso na Serra da Capelada.
Como vive?
Woodwardia radicans é un fento perenne, activo todo o ano, aínda que pode perder follas no inverno se as condicións son moi duras. Reprodúcese por esporas, que se forman na parte inferior das frondes, nos soros, que se dispoñen en dúas liñas paralelas.
Tamén se reproduce vexetativamente, é dicir, por multiplicación das plántulas que nacen nas súas propias frondes. Grazas a isto pode formar grupos densos que se espallan ao longo do tempo.
Ameazas e conservación
En Galicia, a Woodwardia radicans está en perigo de extinción. Vive só en lugares moi concretos e fráxiles, polo que calquera cambio no bosque (cortes, canalizacións, incendios, perda de vexetación de ribeira, seca…) pode afectar gravemente á súa supervivencia.
Está incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e protexida pola lexislación europea, como parte dos hábitats prioritarios a conservar.
Relación co ser humano
Máis información
https://gnhabitat.org/woodwardia-radicans/


