Cartografías

Mapas

Nesta sección da web ofreceremos proximamente información cartográfica sobre As Fragas Perdidas: onde están actualmente, a súa distribución potencial (os sitios que deberian ocupar), a distribución de especies propias das fragas húmidas, etc.

Influencia do Bioclima en Galicia

Segundo a cartografía bioclimática de Rodríguez Guitián & Ramil Rego (2007), a influencia das masas oceánicas no clima (bioclima) vén determinada polo “índice de continentalidade”, é dicir, o valor da amplitude térmica media anual.

Figura 1. Tipos de bioclima de Galicia. 1: hiperoceánico subhiperoceánico. 2: oceánico semihiperoceánico. 3: oceánico euoceánico. 4: oceánico semicontinental.

Tal e como se pode ver na Figura 1, no caso de Galicia:

  • As áreas próximas ao Mar Cantábrico e ao Océano Atlántico atópanse baixo un bioclima hiperoceánico (variante subhiperoceánica), con temperaturas medias mensuais que sofren variacións pouco marcadas (inferiores a 11ºC) ao longo do ano.
  • Obsérvase unha redución progresiva de norte a sur do territorio incluído neste bioclima, asociado á existencia de veráns máis calorosos no litoral das Rías Baixas.
  • A Galicia interior presenta unha menor influencia das masas mariñas no clima (bioclima oceánico, variantes semihiperoceánica e euoceánica), con invernos máis rigorosos e veráns máis calorosos que na costa.
  • No extremo sueste, increméntase notablemente a amplitude térmica, alcanzando valores incluíbles dentro da variante semicontinental do bioclima oceánico en altitudes superiores aos 1.000 metros nas montañas das Serras Segundeira e Calva.


Distribución das Fragas Húmidas

As zonas onde potencialmente poderíamos atopar fragas húmidas serían aquelas onde o clima é hiperoceánico e oceánico semihiperoceánico (sombreadas en azul escuro e azul claro no mapa).

Zonificación da Flora e Fauna en Galicia

No mapa seguinte móstrase a zonificación de Galicia segundo a distribución de especies de flora e fauna (coroloxía), adoptada por Rodríguez Guitián & Ramil Rego (2008).

Figura 2. Xerarquía e distribución xeográfica de unidades corolóxicas presentes en Galicia

De acordo con esta clasificación, Galicia inclúese integramente na Rexión Atlántica Europea, pertencente á Subrexión Atlántica-Europea da Rexión Eurosiberiana. Dentro desta unidade, distínguense, a nivel de subprovincia:

  • Áreas Cántabro-Atlánticas: de forte influencia oceánica e invernos pouco rigorosos.
  • Áreas interiores: forman parte do eixe montañoso galaico-cantábrico, integradas no extremo occidental da subprovincia Orocantábrica.

Os territorios Cántabro-Atlánticos de Galicia están integrados por catro sectores:

  • Galaico-Asturiano
  • Galaico-Portugués
  • Galaico-Interior
  • Berciano-Valdeorrés

Dentro das áreas orocantábricas, establécese unha división semellante entre:

  • As montañas situadas ao norte do Río Sil, que conforman o Sector Altonarceense-Ancarés.
  • As situadas cara ao sur, pertencentes ao Sector Galaico-Duriense.

Referencias

[1] Rodríguez Guitián, M.A. & Ramil Rego, P. (2007): Revisión de las clasificaciones climáticas aplicadas al territorio gallego desde una perspectiva biogeográfica. Recursos Rurais 1(3): 31-53. Ligazón

[2] Rodríguez Guitián, M.A. & Ramil-Rego, P. (2008): Fitogeografía de Galicia (NW Ibérico): análisis histórico y nueva propuesta corológica. Recursos Rurais 1(4): 19-50. Ligazón